Historia





ANTÓN CORRAL (DENDE 1972)

O nome de Antón Corral forma parte xa da historia musical de Galicia. Trátase dunha das persoas máis sobranceiras no eido da experimentación instrumental da música tradicional galega. Un traballador incansable que foi o pai do "Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo", onde desenvolveu un labor titánico como mestre artesán ata o ano 2000. Creador, así mesmo, da banda de gaitas Xarabal en 1984, da que exerceu de director ata o ano 2008. Agora, xa retirado, aínda segue a desenvolver a súa paixón de artesán no seu taller de Tui, coa mesma ilusión, entusiasmo e aporte innovador que cando comezou, alá polo ano 1974. 

"Na miña familia non había músicos nin artesáns. Aprendín o meu oficio de maneira totalmente autodidacta porque me gustaba facer palletas e frautas". A este oficio chegou debido os seus problemas de saúde. As viaxes constantes por España como axente comercia estaban a danar seriamente a súa saúde, ante iso, o médico recomendoulle que buscara un traballo máis relaxado. "Así que, montei un taller de artesanía na miña casa".En 1982 realizou una exposición en Vigo coa súa colección particular de zanfonas e gaitas. A mostra tivo tanto éxito que lle ofreceron desenvolver o seu labor como mestre artesán na Universidade Popular, a que hoxe recuperou o nome de Escola de Artes e Oficios de Vigo. "Aceptei a proposta e instaleime na cidade xunto con outros compañeiros que tamén traballaron nese centro”.


De Antón Corral e os seus colaboradores naceu a idea de crear un Grupo Didáctico Musical en 1983, coa intención de divulgar os instrumentos musicais populares galegos, levados polo grande descoñecemento que deles existía, tanto no que se refería ás súas características musicais, como no concernente a aspectos relativos á súa construción e outras peculiaridades. 

O traballo do grupo que viña centrándose nunha proposta didáctico-musical dirixido ás escolas e ás asociacións culturais, transmitía nas súas actuacións en directo as actividades desenvolvidas no taller de construción de gaitas da "Universidade Popular de Vigo". No transcorrer das súas actuacións demostraban a grande riqueza e versatilidade da música tradicional galega. O público podía gozar dos sons da zanfona, requinta, pito pastoril, unha grande variedade de instrumentos de percusión, gaitas con afinacións diferentes, combinación de gaita e piano, concertos de cámara...




Entre os seus compoñentes destacan nomes como: Carlos Corral, Carlos Núñez, Ramón Casal, Tiano Labraña, Xosé Carlos Villar "Bouza", Francisco Estévez "Chuco" ou Anxo Pintos, sempre apoiados polo seu padriño de luxo, o histórico gaiteiro Ricardo Portela. 


Paralelamente, en 1984 nace baixo a súa dirección, a banda de gaitas Xarabal, coma unha actividade máis do "Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos" da Universidade Popular de Vigo, coa intención, non só de potenciar e expandir a música popular galega, senón de realizar un traballo serio sobre a técnica de gaita e percusión, procurando forxar futuros profesionais que coñeceran e dominasen o instrumento. "Xarabal nace cunha idea moi concreta, centrarse na técnica de gaita e na percusión, non na iniciación". Isto traducíase en que todos os integrantes da banda xa viñan cunha traxectoria e uns coñecementos previos que ían perfeccionando dentro do conxunto. "Naqueles tempos era necesario incidir máis no aspecto técnico, que en ensinar nocións básicas de música. Diso xa se encargaban outros grupos".

Entre os numerosos premios e galardóns que recibe Antón Corral, hai que salientar os seguintes:

-1º premio "Artesán distinguido" a nivel nacional (Madrid, 1977). 
-1º premio "Diseño" do Ateneo de Ourense (Ourense, 1983). 
-1º premio "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol (Ferrol,1996). 
-1º premio "Reconquista de Vigo". (Vigo, 1990). 
-1º premio da crítica musical (Círculo Ourensán de Vigo, 2001). 
-Nomeado Vigués distinguido en 2001


Ramón Corral Blanco

Ramón Corral Blanco nace en Ortigueira (A Coruña) en 1989. Comeza a súa formación en percusión na banda de gaitas Xarabal á corta idade de sete anos. 

Como integrante da devandita banda acode a importantes festivais por toda a xeografía peninsular e mesmo Francia. Participa no Festival Celta de Ortigueira, e no Festival Intercéltico de Lorient, nos que intervén como solista en diversos instrumentos de percusión. 

No ano 2002 funda o cuarteto tradicional Anacos de Buxo, do que forma parte, e co que grava o disco “Sempervirente”, presentado na RTVG e en festivais, como o de Toxos e Xestas en Barcelona. Este cuarteto consegue numerosos premios en concursos de música tradicional. 

Gañadores dos Concursos de Cuartetos de Ponteareas, o de Manuel Texo de Vedra, o de Musica Tradicional de Ortigueira, entre outros. Permanece no citado grupo ata o ano 2009. Membro durante tres anos do cuarteto Rédea Solta, co que gaña durante dous anos consecutivos o concurso de Ponteareas, amais de obter outros premios noutros certames.

Como percusionista ten acompañado a gaiteiros de recoñecido prestixio, entre eles, Pedro Álvarez Fariñas, Pablo Devigo, Xurxo Fernández, Oscar Ibáñez… cos que tamén acada numerosos premios en varios concursos como: Gaiteiros solistas de Soutelo de Montes, Concurso Manuel Villanueva, ou no Concurso Manuel Dopazo.



 

Así mesmo, durante o ano 2010 é compoñente do grupo Pelepau. Dende o ano 2009 vén desenvolvendo o labor de artesán de gaitas na sé do Obradoiro Antón Corral.
Amais da súa tarefa artesanal, dende o ano 2011 ata o ano 2013 participa como profesor de percusión na banda de gaitas San Xoán do Centro Cultural de Paramos, e dirixe na mesma Asociación a formación musical do grupo de baile San Xoán.

Na actualidade:

- Colaborador de percusión na Banda de Gaitas Xarabal de Vigo